Thursday 19 de September de 2024

O Concello de Fene ponse ao día no pagamento de facturas pendentes de 2019 e do comezo de 2020


O pleno aproba unha modificación de 1.034.000 euros coa que tamén se abonarán os cerca de 400.000 euros de indemnización a VIAQUA en cumprimento dunha sentencia xudicial favorable á concesionaria
O pleno municipal celebrado en Fene o xoves pasado tivo un contido eminentemente económico, posto que os tres grupos que conforman o goberno sacaron adiante -coa abstención do PP- unha modificación de crédito por un importe superior ao millón de euros que permitirá afrontar facturas impagadas do ano 2019 e dos primeiros meses de 2020. Na súa maioría trátase de recibos do ano pasado encargados polo anterior executivo municipal sen contar con partidas no orzamento ou con elas xa esgotadas. En total son 770 facturas das que aproximadamente un 85% se farán efectivas esta mesma semana e o 15% restante nun prazo máximo duns 15 días, tan pronto como finalice a exposición pública do seu recoñecemento. Por outra banda, a modificación de crédito servirá para saldar contas con Viaqua por un importe cercano aos 400.000 euros trala sentencia que obriga ao Concello a satisfacer a actualización do canon dos abastecementos anteriores a 2013, ano en que a concesionaria acudiu por primeira vez ao xulgado.

Segundo explica o titular de Facenda, Manuel Polo, o novo Goberno municipal atopou á súa chegada -en febreiro deste ano- un montante de 616.486 euros en facturas de 2019 que xa tiñan esgotado o seu capítulo orzamentario e incluso outras que non contaban nin con retención de crédito nin tampouco con proposta de gasto. “A xestión foi nefasta. Encargáronse traballos e subministros sen que houbese reservadas partidas suficientes para pagalos e no Concello incluso entraron facturas sen que o Goberno do Partido Popular fixese antes os trámites obrigatorios da retención de crédito e da proposta de gasto, imprescindibles para que as facturas se poidan pagar en tempo e forma e para levar un control exhaustivo do gasto municipal”.

Polo engade que a liquidación orzamentaria de 2019 -da que se deu conta no pleno do pasado xoves- revela “datos interesantes” como por exemplo “un baixísimo nivel de execución de obras”, que non chegou nin ao 50% segundo os informes técnicos, e “un grande volume de gastos sen control e sen contrato”.

De cara a poñerse ao día con empresas e provedores “nun momento crítico para a economía, sobre todo para a das pequenas empresas”, o executivo encabezado por Juventino Trigo decidiu acometer unha modificación no orzamento incorporando 1.034.000 euros de superávit de 2019 e remantente líquido de anos anteriores. A medida saiu adiante cos votos favorables de BNG, PSOE e EU, mentres que o PP optou por absterse.

Unha vez aprobada a modificación, o pleno tamén lle deu o visto e prace, coa mesma correlación de apoios, ao recoñecemento das facturas pendentes do ano pasado e a unha partida deste ano -algo máis de 17.600 euros correspondentes maioritariamente a pequenas facturas de subministracións eléctricas-. Todas elas satisfaranse cos remanentes municipais e con 54.800 euros do POS provincial que xa estaban reservados para gasto corrente.

Manuel Polo apunta que o pagamento das facturas que contaban con partida no orzamento de 2019 -660 en total- se farán efectivas “esta mesma semana”, mentres que as 110 restantes que non dispuñan nin de partida nin de fiscalización previa “pagaranse á volta duns quince días, cando remate a exposición pública do seu recoñecemento”. O concelleiro de Facenda engade que esta medida “porá ao Concello ao día” satisfacendo 770 facturas pendentes que, ademais “lastraban o traballo dun departamento contable que o Goberno do PP deixou baixo mínimos e que agora se está tentando reforzar con máis persoal”. Por outra banda, segundo Polo, “liberarnos desas débedas deixaranos nunha posición máis clara para enfrontar a crise e poñer en marcha medidas extraordinarias de apoio ao tedido produtivo local e aos colectivos máis desfavorecidos, posto que o Concello ten recursos económicos suficientes para facelo”.

Pagamento a VIAQUA
A modificación de crédito aprobada na sesión do xoves tamén permitirá pechar as débedas coa concesionaria da auga e do saneamento. Cómpre recordar que VIAQUA demandou ao Concello en 2013 por non terlle pagado os sobrecustos do abastecemento de anos anteriores. Os tribunais déronlle a razón á empresa e, tras anos de tirapuxas legais, agora o consistorio deberá satisfacer unha contía próxima aos 400.000 euros.